Sunday 05 de May de 2024

Comeza a substitución da tubaxe de auga na rúa Leiras Pulpeiro


A Concellaría dos Servizos Municipais da Pobra do Caramiñal informa de que na xornada deste 19 de abril comezan as obras para a substitución da tubaxe de auga na rúa Leiras Pulpeiro. A edil Estefanía Ramos (Nós Pobra) indica que se trata dunha actuación “moi demandada” pola veciñanza dado que recentemente se produciron varias roturas na tubaxe desta vía, ademais de que a súa antigüidade non lle permitía da-la presión suficiente para tódalas vivendas.

Esta intervención supón a apertura da gabia, a substitución da tubaxe antiga de fibrocemento dun diámetro de 100 mm por unha nova de PVC e dun diámetro de 125 mm e maila reposición total do pavimento de toda a rúa.

A obra está coordinada entre a empresa concesionaria do servizo de augas, Viaqua, que se fará cargo do custo da nova tubaxe de PVC e da súa substitución, e tamén do Concello, que correrá co gasto da apertura da gabia e reposición do pavimento, tarefas contratadas á empresa Excavaciones Nima, S.L., por un total de 8 518’28 euros, IVE incluído.